Dende o ceo

Ao final dos seus días, o home despediuse dos seus e partiu cara á súa última viaxe, camiño do ceo. Fixo o percorrido en barco, como tantas veces fixese antes, navegando só a través do infinito mar onde todas as vidas comezaron un día.

 

Cando chegou ao seu destino, centos de caras coñecidas estaban a agardalo, pero antes de marchar con elas, tiña que falar co ancián que o agardaba ao pé do embarcadoiro.

 

O ancián, achegouse ao home e despois de saudalo, preguntoulle que desexaba facer por encima de todas as cousas, porque alí, podía escoller agora o que máis lle gustase, o que máis desexase.

 

O home, sen necesidade de pensalo, díxolle que o que realmente desexaba, era pintar e poder toca-lo bombo.

 

O ancián, quedou mirándoo, estrañado pola súa rápida e decidida contestación. Pasou a man pola súa longa e branca barba, e por se o home quería pensalo mellor, preguntoulle se non desexaba trocar a súa elección.

 

O home, contestou que non, que estaba totalmente seguro de que o que máis desexaba facer, era poder pintar e toca-lo bombo, máis nada.

 

O ancián, finalmente, aceptou a súa petición e deixouno pasar, pero antes de que abandonara o embarcadoiro, chamouno de novo e preguntoulle porque entre todas as cousas que podía haber escollido, elixira precisamente as dúas mesmas que maiormente fixera ao longo da súa vida.

 

O home, mirouno aos ollos, e con total seguridade e serenidade nas súas verbas respondeulle.

 

“Quero poder pintar, para que cando os meus vexan unha nova posta de sol, ou un precioso ceo cheo de bonitas e variadas cores, saiban que fun eu o que o pintou así mentres pensaba neles.

 

E cando nas escuras e longas noites de inverno, as feroces tormentas estremezan os seus corazóns, saiban tamén que son eu o que con forza bate no bombo, espantando a tormenta pra que poidan descansar tranquilos sabendo que eu, sempre, estarei velando por eles dende o ceo”

 

 

Autor: Jaime Ramos Lorenzo

Fecha: 15 de febrero de 2013

 

 

Nota del autor:

 

A mi esposa, a sus hermanas y a su madre, para que nunca olviden que ahora, más que nunca, hay alguien que cuida de ellas desde el cielo.

 

A Lorena, José Ramón, Jacobo, David, Irene, Marta y Juan, para que cuando las tormentas estremezcan sus corazones, recuerden que es su abuelo el que los protege luchando contra la tormenta.

 

A mi suegro Chito, al que siempre recordaré, más si cabe cuando mire al cielo y repita la frase que siempre digo ante un imponente cielo  “hoy el pintor, se esmeró con más cariño que nunca”